Ola, chámome Sigrid Costa e estou facendo as prácticas Erasmus de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos nunha produtora de cine de Lisboa.Saíume a oportunidade de virme a Portugal case no último momento e sen case tempo a pensalo, pero deu a casualidade de que tamén se ían vir para aquí uns amigos meus a facer prácticas de outro ciclo, e xa foi máis fácil tomar a decisión.
A vida en Portugal é moi similar á de Galicia, excepto porque é unha hora menos e aquí fan todo antes: levántanse antes, comen antes, cean antes… fan todo antes. Co tema do idioma, bastante ben, nin caso á xente que di: “non te fíes de que o portugués é sinxelo e ao falar galego se entenda mellor porque non é así”... bueno, se te queres facer entender, non hai problema. Todo é cuestión de acostumarse e que o oído se adapte a escoitar ese idioma todo o tempo, que non é tan diferente ao noso, pero de primeiras pode costar. Entre falar coas persoas que traballan de cara ao público, escoitar a xente falar pola rúa, as etiquetas cos nomes das cousas no super, o día a día coa xente no traballo… É todo moi fácil.
Eu estou na empresa de 10 da mañá a 6 da tarde, e estou facendo un pouco de todo: dende traducir unha película e un documental do portugués e o inglés ao español, para poñer subtítulos, a organizar o material que se está gravando agora mesmo dun documental para montalo máis tarde en Premiere, sincronizar audio e vídeo de algún proxecto, ou facer seleccións de escenas de determinados actores ou actrices… Daniel, o meu titor, dame bastante liberdade á hora de traballar pero tamén me explica todo o que teño que facer e resolve calquera dúbida que teña. El adoita estar no seu despacho e eu na sala de montaxe pero hai boa comunicación. Soemos estar so os dous polo xeral, pero hai días que veñen produtores ou un ténico de son, por exemplo, a traballar aquí tamén.
O Goberno tomou unhas medidas durante uns días nas que recomendaban dentro do posible non saír da casa en varios sitios de Portugal, Lisboa incluída, por iso estiven algo máis dunha semana tele traballando con material que el me foi pasando e dentro do posible, á vez que vou avanzado no proxecto final.Facer un Erasmus no medio dunha pandemia é complicado, pero si é verdade que ata agora, excepto cousas obvias, non se notaba tanto, entre comiñas, porque aquí había menos restrincións que en España, por exemplo, a mascarilla segue sen ser obrigatoria todo o tempo, pero a xente é bastante responsable en xeral coa distancia de seguridade e outras medidas, así que non hai problema.Dende fai dúas semanas en certos sitios de Portugal, ao igual que en España, hai toque de queda, pero é un pouco diferente. De luns a venres non se pode saír de 11 da noite a 5 da mañá, pero os fins de semanas, a cousa cambia: o toque de queda comeza á 1 do mediodía e dura ata as 5 da mañá igualmente. Polo tanto, a vida social era maior ao comezo que agora, xa que entre as prácticas, o proxecto, e o pouco tempo no fin de semana que hai para sair, non se pode facer moito, pero dentro das limitacións, desfruto da miña estancia en Lisboa. Compartir esta experiencia con amigos axuda moito a que estas cousas se leven mellor e a aprender a desfrutar de outras maneiras, así que tiven moita sorte niso.
Se estou desfrutando e aprendendo tanto incluso con toda esta situación, non me quero nin imaxinar como sería se todo fose normal… así que volvería a repetilo todo sen pensalo porque estes meses non chegan a nada!"
Comentários