“Cuando los hombres buscan la diversidad viajan”
Wenceslao Fernández Flórez. La conquista del horizonte.
Ratisbona (Regensburg) é unha cidade alemá don estado de Baviera, á beira do río Danubio. Conta cunha poboación aproximada de 150.000 habitantes, incrementada entre setembro e xuño por unha importante poboación universitaria (preto de 25.000), que proporciona ao lugar un ambiente dinámico e vivaz, nalgúns aspectos, similar ao que en España podemos atopar en cidades universitarias como Salamanca ou Santiago de Compostela.
CONTACTO
A Universidade de Ratisbona (Universität Regensburg) conta cunha Facultade de Lingüística, Literatura e Estudos Culturais (Fakultät für Sprach-Literatur-und Kulturwissennschaften) que acolle un departamento de Cultura Románica que desde fai uns anos especializouse no estudo do cinema hispano, encabezado polo catedrático Prof. Dr. Ralf Junkerjürgen a través do grupo de investigación Hispanic Studies. Con esta institución colaborei en dúas ocasións para a publicación de obras sobre o legado cinematográfico dos cineastas Fernando Fernán-Gómez e Luis García Berlanga, establecendo así unha relación académica que decidín estreitar por medio do programa Erasmus. En paralelo, grazas á labor de co-organización do departamento de Cultura Románica no festival de CinEscultura, dedicado ao cine español e que, casualmente, este ano ofreceu unha retrospectiva do Novo Cinema Galego, tiven a oportunidade de abrir unha especie de segunda sede de Erasmus que me permitiu ramificar contactos que agardo redunden no ben do meu alumnado.
A UNIVERSIDADE
O primeiro día, que coincidiu co inicio do segundo cuatrimestre, o profesor Junkerjürgen amosoume —o relato está escrito en primeira persoa do singular porque concibo o Erasmus como unha actividade académica individual e non unha semana de asueto— as instalacións da Facultade de Lingüística, Literatura e Estudos Culturais. Durante este percorrido por corredores, biblioteca, salón de actos, estancias comúns, escaleiras, puiden contemplar un aspecto, no que logo profundarei, que facía visible a sección áurea do centro educativo no que me atopaba: o afán por ampliar o espazo académico alén das catro paredes dun aula, como un ágora onde tanto o profesorado como o alumnado, así como tamén outros axentes contiguos ao mundo universitario, poidan compartir as súas inquedanzas culturais e artísticas. Estoume a referir aos incontables carteis que enchían as paredes do edificio para divulgar as celebracións de eventos, congresos, festivais, concertos, etc.
Ese mesmo día, xa pola tarde, Ralf Junkerjürgen convidoume a unha clase maxistral introdutoria sobre análise cinematográfica, permitíndome facer unha intervención de 45 minutos no que expuxen a situación actual do cinema galego, seguido dunha explicación da oferta formativa do CIFP Audiovisual de Vigo que, en parte, nutre a industria audiovisual en Galicia. Ao final da miña intervención, tiven a ben proxectar para o alumnado alí presente o corto documental A raia, realizada o ano pasado por estudantes do noso centro.
Ao día seguinte, asistín a outra clase introdutoria sobre unha materia optativa relacionada co estudo das series españolas en streaming, arredor do tema da globalidade e o rexionalismo. No arranque da mesma, a maioría das alumnas recoñeceron ter visto Las chicas del cable e La casa de papel, e dentro da programación presentada, podiamos atopar outras series moi populares no noso país (Valeria, Patria, Antidisturbios, Hierro) así como tamén O sabor das margaridas, producida pola TVG. Como complemento, a final de curso está programado un seminario sobre o mesmo tema no que intervirán investigadores españois procedentes da Universidade Carlos III.
Outros dos aspectos que o profesor Junkerjünger me amosou no seo do seu departamento, foron as actividades que rodean os actos eminentemente académicos. A primeira delas ten que ver co traballo que o alumnado plasma nos seus Traballos de Fin de Grado (80 páxinas). Cando os profesores entenden que certos traballos acadan un nivel de excelencia reseñable, convidan ao seu autor/a a facer unha versión máis reducida (15 páxinas aproximadamente) para logo ser recompilada nun número que edita o propio departamento, tanto en formato físico (tirada reducida), como on-line.
A segunda das actividades corre a cargo do profesorado: unha sorte de cerimonia previa ao inicio do cuatrimestre. Aínda que non conta cunha etiqueta oficial, este tipo de intervencións eran denominadas como Science Slam, en homenaxe aos poetas que presentaban as súas obras en cinco minutos. Neste caso, a intervención dos profesores e profesoras gravitan arredor da súa área de investigación, e son expostas nun Aula Magna aberto a todo o público. As breves ponencias (similares as charlas TED) requiren unha modulación amena, e se poden seguir degustando bebidas e comida do cátering gratuitamente ofertado.
CINESCULTURA
A segunda pata da estancia Erasmus descansou sobre o Festival de Cine Español CINESCULTURA, que, como xa indicamos máis arriba, estaba co-organizado polo propio Departamento. Neste eido forxáronse os contactos máis produtivos de cara a futuras colaboracións entre o centro alemán e o noso alumnado, en forma de posibles destinos Erasmus para estudantes. CinEscultura mostrouse disposto a aceptar algún alumno de Produción en prácticas para traballar na posta en pé do Festival que, ademais da proxeccións de filmes, tamén organiza concertos, masterclass e conferencias como actividades complementarias. Durante os momentos de pausa do Festival, tiven a fortuna de coñecer a Amrei Keul, comisaria do Festival de Curtas KURZIL MWOCHE REGENSBURG, celebrado tamén en Ratisbona no mes de febreiro, e que tamén amosouse interesada en acoller a outros dous alumnos para o seu certame, un de Realización e outro de Produción.
Noutra das xornadas de CinEscultura tiven o pracer de asistir a unha masterclass de Isa Herguera no que explicou o proceso de creación da súa longametraxe de animación O sono da Sultana, e, a continuación, fun convidado pola organización para participar na mesa redonda que se celebrou despois da proxección de Ons coa presenza do seu director Alfoso Zarauza.
O QUE ME LEVO
Na primeira clase que impartín este ano no módulo de Planificación da Produción de Eventos e Espectáculos, puxen enriba da mesa un concepto que estimo fundamental na esfera audiovisual: capital social. Ensanchar o círculo de contactos arredor dunha actividade profesional implica acrecentar un patrimonio incorpóreo que, a medio ou largo prazo, pode materializarse de xeito moi beneficioso, e non sempre con efectos eminentemente económicos. Insisto sempre aos estudantes en que procuren ese capital social acudindo ao maior número posible de eventos celebrados cerca do seu entorno, que asistan a festivais, conferencias, seminarios, charlas, e todo tipo de actos que, ademais do acervo propiamente cultural, ofrece a posibilidade de establecer unha relación máis directa con xente que permitirá ampliar o capital social.
Como indicaba máis arriba, a Facultade de Lingüística, Literatura e Estudos Culturais da Universidade de Regensburg orienta parte das súas actividades extra-académicas a crear eses espazos comúns (ágoras) para que poidan confluír alumnos, profesores e profesionais do sector nun ambiente máis distendido e, en consecuencia, máis propicio para crear vínculos. Como pedra angular desta estratexia atópase o Festival CiEscultura. Resultou profundamente gratificante comprobar o poder de convocatoria deste evento entre o alumnado universitario, evento completamente mimetizado co ámbito do ocio, como se acudir a unha mesa redonda sobre a proxección dunha película estivera axendado dentro da xornada de asueto. O resultado: unha atmosfera de paixón pola cultura —en concreto, neste caso, polo cinema— que esperta a envexa dos profesores que, no noso propio centro, pretendemos organizar actos paralelos á ensinanza “sistematizada”, pero afociñamos coa indiferenza do alumnado e de parte do gremio. Espazos, en definitiva, concibidos para sandar a desmotivación xeneralizada no noso sistema educativo, pero, tamén, para facer máis satisfactoria a labor docente. Se hai codas máis sublimes que a propia sonata, tamén pode haber —ou podemos crear, para iso temos os módulos de Planificación e Procesos de Produción de Eventos— momentos “post” que, ademais de facilitar o proceso de mimetización ocio-cultura que acabamos de sinalar, permiten crear comunidade —capital social— arredor do noso mundo académico e profesional.
Commenti